Wednesday 15 de May de 2024

O Pleno de Frades aproba por unanimidade o traslado da rebaixa de Sogama aos recibos da recollida do lixo da veciñanza


 

O Pleno municipal de Frades aprobou por unanimidade trasladar a rebaixa se Sogama aos recibos da recollida do lixo da veciñanza. “Acollémonos a esa bonificación e comprometémonos a trasladarllo aos veciños e veciñas de Frades, que notarán unha rebaixa aproximada dun 6% en cada recibo”, explicou o alcalde, Roberto Rey Martínez, durante a sesión plenaria celebrada o pasado venres.

Unha sesión na que Rey Martínez confirmou que “durante o ano pasado repartimos 50 composteiros e formamos parte do novo plan piloto de recollida de residuos orgánicos que ofreceu Sogama aos municipios da comarca. Xa temos uns 50 contedores marróns e a nosa intención é colocalos no núcleo de Ponte Carreira e ao longo das estradas CP-3802 Ordes-Ponte Carreira e a AC-524 Ordes-Abellá”. Un plan que se está poñendo en marcha de xeito pioneiro en Carballo e Laracha e que supón a colocación dun contedor marrón con chave e no que só se poderán depositar residuos orgánicos.

Na sesión tamén se aprobou, cos votos a favor do PP e as abstencións do PSOE e BNG, unha modificación de créditos por un importe de 49.500 euros. O concelleiro de Facenda, Manuel Ferreiro, explicou que “é a primeira que se fai no orzamento e realízase para dedicar excendentes dunhas partidas a outras deficitarias”. Entre as partidas que medran figuran reparación de estradas e reparación de maquinaria; entre as que baixan figuran estudos técnicos, unha partida para unha subvención de turismo (que se conseguiu por convenio) ou para o cambio de instalacións eléctricas.

A mesma votación se rexistrou na aprobación do proxecto da obra de reparación da piscina municipal de Frades, ao que se destinan 102.000 euros do Plan Complementario da Deputación da Coruña. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explicou que “o proxecto é o mesmo aprobado en setembro, pero dende a Deputación nos requiriron máis fotos e planos das instalacións actuais”. Así mesmo, o pleno tomou coñecemento da liquidación do exercicio económico de 2018, da aprobación definitiva da Conta Xeral 2018 e dos decretos da Alcaldía de 158 a 196.

Mocións

Na quenda de mocións, as propostas de BNG e PSOE foron aprobadas por unanimidade. Así, os nacionalistas presentaron unha moción para “pedir á Consellería de Sanidade que se adopten medidas no centro de saúde de Ordes para que se preste unha atención de calidade no servizo de matrona para as mulleres de Frades”, explicou o voceiro do BNG, Manuel Míguez. A maiores, o alcalde de Frades anunciou que “levaremos a iniciativa á Mancomunidade de Ordes para que se aprobe aló e tamén para pedir a mellora do servizo de Pediatría, que precisa que se aumente nun pediatra”.

Finalmente, o pleno aprobou unha moción do PSOE que pide “instar á Dirección Xeral de Estradas para que mellore o firme da vía de servizo da N-634, entre o Cadaval e a gasolineira, que está deteriorado”, explicou Enrique Astray, voceiro socialista. O alcalde de Frades apoiou a moción lembrando que “non só está mal esta pista, están mal case todas as pistas e tamén hai fochancas no centro do pobo”, algo que aceptaron engadir os socialistas á súa moción.

Rey Martínez tamén lamentou que “hai un proxecto de 350.000 euros que inclúe o arranxo da antiga estrada N-634 ao seu paso por Ponte Carreira, así como a construción dunha senda peonil onde rematan as beirarrúas, mentres que o Concello se faría cargo da titularidade desta estrada. O proxecto da obra xa quedara feito co anterior Goberno do PP, que dixera que non sería preciso facer expropiacións nin informe de impacto ambiental, polo que a súa execución sería áxil. Porén, dende que entro o novo Goberno, quedou parado”. Así mesmo, anunciou que “llo volveremos recordar ao Goberno que saia das urnas”, lamentando que “para outras actuacións hai presuposto, pero para outros que estaban antes, non”.